T.–  Tino                     A.–   Alejandro

T.–“Alejandro é o voceiro do PP de O Porriño, líder da forza máis votada nas municipais e xefe da oposición. El é un home de Chenlo que na actualidade desempeña tamén as funcións de deputado provincial. Como é habitual nel, non tanto en outras compañeiras e compañeiros seus de partido en concellos veciños, Alejandro atendeunos con moita amabilidade. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

“A XESTIÓN ECONÓMICA DESTE GOBERNO É A PEOR DA HISTORIA DE PORRIÑO, O MÁIS TRISTE E QUE SABENDO ISTO OS QUE APOIARON A ESTA ALCALDESA CONTINUEN CO APOIO E SEXAN PARTÍCIPES ”

T.–  Alejandro,. Como che vai a vida que hai moito tempo que non falamos.

A.– O importante nestes intres é a saúde, e no meu caso a saúde é boa, tanto para min como para os meus seres queridos. E este é un desexo que fago extensivo para todas e todos, especialmente para a veciñanza do meu pobo de O Porriño.

T.–Cal é a situación epidémica do Concello de Porriño a día de hoxe, 9 de xaneiro?

A.–Nas últimas dúas semanas diagnosticáronse 24 casos, a incidencia non é moi alta e aínda que estamos un pouco estabilizados temos que tomar medidas en tódolos concellos porque a situación é perigosa e pode mudar moi rápido se non somos prudentes en grado máximo

T.–Vaia situación máis terrible se nola chegan a describir hai un par de anos non nola creriamos. Como a estás vivindo ti? e como valoras a xestión municipal neste tema en concreto?

A.–Vívoa con moita incerteza, era algo descoñecido para todos. E desde o principio, dígoo con toda a humildade, todo o grupo popular fixo un esforzo enorme para intentar axudar á maior parte de xente posible. E ver como a sociedade en xeral se preocupaba por axudarse os uns aos outros a min emocionoume

T.–Ben, tamén houbo cousas moi desagradables: os policías de balcón..

A.–Xa, nos contextos de crise sempre xorde o mellor e o peor do ser humano. Eu, prefiro quedarme co positivo

T.–Dicíasme que estabas moi contento coa labor solidaria do teu equipo do PP de Porriño ?

A.–Si, enormemente orgulloso. O noso grupo municipal tivo unha iniciativa solidaria e aportamos diñeiro para mercar telas para máscaras e repartímolas nas portas dos supermercados da vila, biombos para as barras e mostradores dos comercios, pantallas de plástico para a cara e repartímolas nos hostaleiros e comerciantes do concello, tamén mercamos alimentos para asociacións e temos pensado seguir facéndoo.

T.–A alcaldesa, na última conversa que tivemos recoñecía esta situación pero dicía que cando os vosos militantes ían repartir o material dicían: “Isto é de parte de Alejandro Lorenzo”?

A.–Iso é rotundamente falso. Imos ver, se entregou material en establecementos , asociacións e casas e se alguén pregunta de quen ven iso, pois supoño que mais de un contestaríalle, digo eu, pero se algunha vez se lle dixo a alguén de onde viñan foi por ese motivo só

T.–Non había entón vontade de promocionarte a ti mesmo?

A.–Non, rotundamente non .E vasme permitir Tino, que sexa moi taxativo neste punto porque iso é unha insidia. A única vontade dese acto foi axudar aos demais, só esa é nada máis que esa. De feito quero dicir que todo o equipo de concelleiros e concelleiras do PP de Porriño doamos o noso soldo do 2.020 integro dende o inicio da pandemia, para axudar a superar os efectos da mesma.

T.–Ben, serán as dietas, soldo non tendes?

A.–Si, claro, pero ao fin e ao cabo é o que cobra un concelleiro da oposición, se destinou 5.000-6.000 € para estes gastos e se continuará prestando axuda con novas iniciativas que estamos elaborando. Me sinto moi orgulloso da súa labor e do equipo que formamos .

T.–E da xestión do equipo de goberno da situación da pandemia, que valoración tes?

A.–Nunha situación coma esta eu creo que non hai que entrar a valorar, senón estar ao carón do goberno, sexa cal sexa. Eu así o sinto.

T.–Sentes que estiveches a carón do goberno neste tema?

A.–Si, e así o expresou tamén a alcaldesa, e ela sabe as numerosas peticións e ofrecementos que fixemos sen contestación afirmativa algunha .

T.–Na última entrevista que lle fixen a alcaldesa si que me expresou a súa satisfacción co PP de Porriño polo seu apoio e implicación co goberno nesta pandemia, pero ao preguntarlle se xa había bo rollo contigo contestoume que iso é imposible porque ti e o conxunto do PP os dedicades sistematicamente a acosala. Ti acosas a Eva García De La Torre?

A.–Esta é unha escusa sistemática que ten ela. Nós non acosamos a ninguén. E que me traten a min de acosador xa é o colmo, supón pasar todas as liñas éticas aceptables da lexítima discrepancia política.

T.–Cando te chamou cabrón, pediuche desculpas?

A.–Pediume desculpas no seguinte pleno, un mes despois. Persoalmente non me chamou para desculparse, fíxoo publicamente para facer a “escena”pola presión que tivo.

T.–Pedro Pereira, tenente de alcalde do BNG declaraba nas nosas páxinas que “o PP está conscientemente impedindo que se abonen facturas a pemes e autónomos en moitos casos do Porriño” . Estades facendo iso?

A.–Non, de ningunha maneira. Iso é outra flagrante mentira. Non estamos negando que se paguen as facturas, o que estamos pedindo e que se faga é unha revisión de oficio que permita que todas as empresas cobren, pero que cobren o que teñen que cobrar . Estamos falando de que hai entre 5 e 6 millóns de euros de contratos de maneira verbal sen ningún tipo de soporte contractual. Amólame que se diga que estamos impedindo que se paguen as facturas dos autónomo do Porriño, non é certo. Máis de 4.000.000 millóns de Euros desa débeda son de empresas da Comarca do Salnés ás que se lle deu os traballos a dedo. Contratar a dedo as empresas do Salnés ,Iso non creo que sexa ver polos autónomo do Porriño.

T.–Caramba, que volume máis elevado para empresas desa comarca. E a que o achacas?

A.–Esa pregunta tería que respondela o goberno municipal

T.–E esta empresa foron contratadas pola administración de Eva de La Torre ou veñen de atrás?

A.–As facturas que están sen pagar son todas dos exercicios de Eva García de La Torre.

O que debe de saber a xente e que a competencia para pagar estas facturas si se fixera un procedemento legal con contrato é da Alcaldesa.  Ela ten a competencia para pagar ata o 10% dos recursos ordinarios dun Concello con Orzamento de 18 Millóns de euros .Van a pleno porque son partidas doutros anos, feitas sen partida orzamentaria e sen ningún procedemento que as regula, e o mais grave e que eliminan as partidas e rexeitan as facturas por ausencia de contrato de gastos recorrentes , pero as empresas iso non o saben porque llo ocultan.

T.–Estás dicindo Alejandro que un volume tan elevado de facturas sen pagar, son todas responsabilidade desta administración?

A.–Claro que si .

T.–Eva García de la Torre debe dimitir?

A.–Entendo que si, que está moi claro. Como dixo Manuel Carrera nun pleno,., “para min é a peor xestión económica da historia do Concello de Porriño”, anque logo este mesmo Concelleiro apoia e participa nesta xestión de goberno.

T.–E hai posibilidades de proceder a unha reunificación de centro-dereita porriñés a corto prazo?

A.–Creo que a situación está bastante moito máis clara e eu entendo que recuperaremos a maioría dos votos que no 2.019 foron para outras opcións do noso mesmo espazo.

T.–Incluíndo votos de Carrera?

A.–Agardo que moitos deles, pois quen o vota a el é xente de centro dereita e supoño que non estarán de acordo en que os seus votos sirvan para que goberne a esquerda.

T.–Por que votastes en contra da venda dunha parcela do patrimonio do Concello, no último pleno?

A.–As competencias de venda e de compra do patrimonio municipal son da alcaldesa. O PSOE fixo un acordo co BNG para traspasalas ao pleno, pero a competencia segue sendo da alcaldesa.

Fan isto para unha suposta transparencia pero, cando se vende patrimonio municipal, os cartos recadados teñen que destinarse a investimentos ou a compra doutro patrimonio. O que queren facer e que o pleno aprobe a venda para decidir eles o destino deses cartos recadados, non estou de acordo. Se o pleno decide a venda, tamén ten que decidir en que se inviste, pero coma xa pasou terminan por facelo por decreto de Alcaldía todo, a transparencia desaparece cando interesa a esta coalición de goberno . Non estamos dispostos a que nos utilicen para un acordo encuberto.

T.–Alén da xestión económica, cales son as deficiencias máis importantes que padece o concello segundo o teu criterio?

A.–O máis urxente é mellorar os saneamentos nas parroquias. Hai que abordar con decisión o problema o do lindano, o Centro de Saúde, a mellora dos nosos colexios , a construción dun auditorio . Hai moitas cousas que se deben de facer e non se fan.

T.–Sorpréndeme o que dis do saneamento pois o goberno defende que están a facer un importante esforzo ao respecto?

A.–Que o demostren con papeis e datos reais dos decretos existentes. Nos últimos cinco anos non se fixo nada máis do que había nos catro anos anteriores, pouco se ampliou .Estase paralizando un servizo que debería ser básico e fundamental. Priorizaron obras no pavillón de 500.000€, ou mesmo a humanización nos Aloques porque son máis visibles.

T.–E a actuación nos Aloques non che pareceu necesaria? Eu creo que si, que estaba feita un cisco.

A.–Si que era necesaria , pero se hai para o centro tamén ten que haber para as parroquias, o contrario é unha inxustiza.

T.–Agora falemos da Deputación Alejandro, como valora a túa nova experiencia como deputado provincial?

A.–Moi boa, somo un grupo moi compacto con xente experimentada. Está o alcalde de A Estrada, de Rodeiro, o de Cerdedo-Cotobade, Pepa Pardo que é concelleira en Pontevedra; Carmen, a concelleira de Redondela; Miguel, que foi alcalde de A Cañiza… Estou contento, na deputación abárcanse moitos máis concellos e colles moita máis experiencia. A intención e recuperar a Deputación para o PP porque creo que é fundamental para os concellos da nosa provincia.

T.–Un xornalista ortodoxo non debería opinar, pero a min a ortodoxia impórtame un comino e vou dicir que a xestión da DEP que fixestes vós con Louzán de presidente foi política e moralmente catastrófica, e se a ides repetir sería unha traxedia para a Provincia que a recuperarades

A.–Como comprenderás Tino, estou radicalmente en desacordo contigo, pero agradézoche profundamente que me fales con tanta franqueza

T.–Por que sería importante que recuperarades a DEP?

A.–Pois de primeiras dígoche dous motivos : Esta DEP non trata con equidade a todos os concellos, claramente discrimina aos gobernados polo PP e nun contexto como este paréceme censurable que no sacase ningunha liña de axudas para os sectores afectados pola crise económica derivada da sanitaria.

T.–Consideras que a deputación non atende ás necesidades dos autónomos e pequenos empresarios afectados polas restricións inherentes á pandemia?

A.–Si, considero que non os atende.

T.–E consideras que o goberno da Xunta de Galicia si o fai?

A.–Non é o que pense eu é que é un feito obxectivo. Este goberno si sacou subvencións para autónomos, para hostaleiros, si está tamén sacando a través do IGAPE distintas axudas. Toda axuda é pouca, pero Galicia foi unha das administracións de toda España que máis fondos destinos a estes sectores.

T.–Entón consideras que a deputación non atende con xustiza e equidade aos concellos gobernados polo PP?

A.–Non, entendo que non.

T.–Consideras que cando Louzán gobernaba a deputación atendíase con xustiza e equidade aos concellos que non eran do PP?

A.–Cando O PP gobernaba na DEP, eu non era deputado provincial, non me é posible contestar con rigor a esa pregunta, pero Porriño si estivo atendido.

T.–E para rematar Alejandro, cal é o teu futuro político? Tres decidido presentarte no 2023 como candidato para Porriño?

A.–Eu o que quero é aportar o meu gran de area para contribuír ao ben común de toda a sociedade porriñesa sen excepción. E estea no sitio que estea vou pelexar con todas as miñas forzas para que o PP recupere a alcaldía de O Porriño”.

O Porriño, xaneiro de 2021

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes:

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>